Exposición fotográfica O cancro márcanos de por vida, en formato foam, na galería Sargadelos de Ferrol a partir do xoves 15 pola tarde ao 29 de setembro de 2016.
A Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea ASOTRAME e a Asociación Oncohematolóxica POR+VIDA traen a Ferrol a exposición que é idea orixinal de Gepac (grupo español de pacentes de cancro), do que forman parte estas 2 asociacións da comarca, que xa percorreu varios puntos da xeografía do estado dende o 2015, ano no que se presentou esta campaña polo Día Mundial do e da Supervivente de Cancro.
Esta mostra simboliza o antes e o despois que a enfermidade crea na vida das persoas que reciben a diagnose desta enfermidade sendo máis dun millón e medio de persoas no estado español.
Serviu para trasladar á sociedade as necesidades e problemas que afrontan as persoas pacientes despois de rematar o tratamento e amosar as secuelas físicas, psicolóxicas, sociais, laborais, necesidades difíciles de abordar e que en moitas ocasións non están cubertas.
O cancro márcanos de por vida como o fai unha tatuaxe. Quíxose presentar dun xeito atractivo, no senso de que unha vez que chega ao teu corpo non se pode borrar. A "marca" do cancro é para sempre.
Dita exposición está protagonizada por superviventes de cancro que dan testemuña da súas “marcas” de por vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario