Datos da asociación

Mi foto
Correo-e: pormaisvida2011@gmail.com Telf: 650 812 030

miércoles, 4 de febrero de 2015

4 DE FEBREIRODÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA O CANCRO



No día de hoxe, 4 de febreiro Día Mundial Contra o Cancro, queremos facernos un pouco máis visíbeis para a cidadanía. Esta xornada instaurada dende o ano 2000 naceu para mellorar a concienciación e mobilizar á sociedade e camiñar cara a prevención e o control desta enfermidade que, segundo a OMS, causou a morte de máis de oito millóns de persoas en 2012. En España prevese que para o ano 2015 haxa 227.000 novos casos e 108.390 defuncións por esta causa. A isto hai que engadir o enorme custo social e económico, que no 2008 alcanzou o 1,07% do PIB da UE (unha parte do mesmo debido ás mortes prematuras e as secuelas da enfermidade). Porén, pese a que o 30% dos cancros teñen orixes ben identificables (o tabaquismo, a obesidade, o sedentarismo, o consumo de alcol e unha mala alimentación), non existen políticas serias de prevención primaria que inclúan unha decidida aposta pola educación para a saúde. De feito, as enfermas e os enfermos oncolóxicos asistimos a unha progresiva depauperación da asistencia sanitaria que recibimos como consecuencia duns recortes que deixaron a sanidade pública con 20.000 millos de euros menos en tres anos, o que nos convirte en dobres vítimas: vítimas da enfermidade e vítimas da precarización sanitaria. Coma outros colectivos de enfermos crónicos, as e os pacientes oncolóxicos somos reféns dunha crise que non provocamos. Tamén se nos demoran os tratamentos máis efectivos e novidosos porque se consideran demasiado custosos para as arcas públicas. Tamén se nos obriga a prescindir das medicacións necesarias para sobrelevar os efectos secundarios e as secuelas por non poder pagalas. 

Data sinalada, pero é un día máis para a loita e a esperanza, como foi onte e será mañá. Non queremos lembrarnos só con ornamentos sobre a nosa vestimenta nen engalanar á xente. Queremos ser escoitadas e escoitados e demandar melloras para a nosa saúde. E esto pasa por proporcionar unha mellor calidade de vida e mellorar as condicións sanitarias. Desgraciadamente non somos o único grupo que non recibe a atención precisa nun país onde está esmorecendo a fortaleza do noso sistema sanitario público polo desleixo de quen ten a obriga de protexela e fortalecela, sobre todo neste momento económico tan crítico, onde as máis desprotexidas e desprotexidos quedan sen apenas cobertura sanitaria e se vulnera un dos dereitos básicos das e dos cidadáns. 

Nós, AUSO (Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS), POR+VIDA Asociación Oncohematolóxica
ASOTRAME (Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea), 
ADICAM (Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama) 
e PUNTO E SEGUIDO
(Asociación Galega de Mulleres Afectadas por Cancro de Mama) alzamos a voz, seguimos reclamando e nos diriximos ás autoridades sanitarias para buscar solucións aos problemas e deficiencias que inciden negativamente na atención ás persoas afectadas polo cancro.

Unha vez máis, esiximos:

1. Políticas de prevención eficaz que inclúan a educación para a sáude.
2. Unha atención integral e multidisciplinar aos enfermos.
3. A dotación dos recursos humanos e materiais suficientes para ser tratados coa dignidade á
que temos dereitos como pacientes.
4. A eliminación dos copagos sanitarios e a dispensación dos tratamentos recomendados polas oncólogas e oncólogos sen inxerencias dos cargos político-administrativos.

Agardamos que as e os responsables da xestión da sanidade pública demostren o seu compromiso no tratamento e loita contra o cancro con políticas deseñadas para mellorar a calidade asistencial e a calidade de vida das enfermas e enfermos oncolóxicos en lugar de castigarnos facéndonos padecer as restricións provocadas polos recortes.

No día de hoxe tampouco queremos esquecer as compañeiras e compañeiros enfermos crónicos como as e os doentes da Hepatite C pola negación á medicación específica que precisan, ou de enfermidades denominadas raras, e desgraciadamente tantas outras, pois consideramos
que a saúde non é un negocio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario